A Disney está a dar os primeiros chanzos para desenvolver unha longametraxe con acción real que versione o seu clásico filme de debuxos animados de 1970 The Aristocats.
A película orixinal, unha comédia musical romántica, ía sobre unha família de gatos de París, que após de herdaren unha fortuna da súa antiga propietária, deben fuxir cando o celoso mordomo decide que os cartos estarían mellor no seu peto. Daquela atopan a un gato aposto e aventureiro que os axuda a regresaren a casa antes de que sexa demasiado tarde. O filme contou con 4 millóns de dólares de orzamento e recadou 191 millóns nos despachos de billetes, e no seu elenco participaron lendários músicos e artistas, coma Phil Harris, Scatman Crothers ou Maurice Chevalier.
Polo de agora non está claro se esta película será estreada nas salas de cinema ou se pasará directamente ao servizo de streaming, pero nestes intres todo semella indicar que o seu lanzamento será semellante ao de Lady and the Tramp en 2019.
Will Gluck (Peter Rabbit 2: The Runaway) e Keith Bunin (Onward) escribirán o guión desta nova versión, que producirá o mesmo Gluck.