Alex Garland prepara unha guerra civil

889

Kirsten Dunst, Stephen McKinley Henderson (Dune), Cailee Spaeny (The Craft: Legacy) e mais o brasileiro Wagner Moura (Elysium) serán os protagonistas de Civil War, a vindeira longametraxe que dirixirá para a A24 Alex Garland, o responsábel de Ex Machina e Annihilation.

Polo momento non son moitos os detalles que se coñecen do argumento do novo filme, agás que ten lugar nun futuro próximo nos Estados Unidos. Andrew Macdonald, Allon Reich e Gregory Goodman serán os seus produtores.

En todo caso, este proxecto será o cuarto que dirixe e guioniza Garland, xa que o terceiro (a película de terror Men) aínda está por estrear ao longo deste 2022, protagonizado por Rory Kinnear e Jessie Buckley.

Garland ademáis é o guionista de pasados éxitos coma Dredd, Never Let Me Go, Sunshine e as dúas entregas de 28 Days Later e autor da novela The Beach. Para a televisión, creou a série Devs na canle FX e co-escribiu o guión do videoxogo Enslaved: Odyssey to the West.