Greg Russo fará a série de System Shock

207

O guionista de Mortal Kombat (2021), Greg Russo, ven de recibir o encargo de escribir e dirixir a vindeira série de acción real baseada na franquía de videoxogos System Shock para a Nightdive Studios e mais o servizo de streaming de xogos Binge.com.

O xogo, lanzado orixinalmente en 1994, foi un precursor doutras franquías coma Deus Ex e BioShock, e nela os xogadores debían viaxar no ano 2072 á estación espacial Citadel, onde un hacker sen nome esperta dun coma. Alí deben loitar contra robots asasinos, mutantes maliciosos e unha intelixéncia artificial chamada SHODAN que quere controlar á Terra.

Russo será ademais o produtor executivo xunto a Stephen Kick e Larry Kuperman. A série será emitida exclusivamente no servizo de Binge.com, que aínda está por comezar.

Entre outros proxectos xa en marcha, Russo está ademais a traballar nas adaptacións dos videoxogos Space Invaders e Saints Row.