Kyle Allen é o novo He-Man da Netflix

1034

O actor e bailarín californiano Kyle Allen (American Horror Story, The Path) ven de se facer co papel de He-Man na longamente xestada adaptación para o cinema con acción real da clásica franquía dos xoguetes e dos debuxos animados Masters of the Universe da Mattel.

Ademais, o proxecto chegará finalmente á Netflix e ten prevista unha data de comezo da rodaxe para o verán deste ano. O filme estivera anteriormente paralizado pola Sony e contaba con Noah Centineo vencellado ao persoaxe protagonista. Porén a Sony aínda reterá os dereitos de distribución da película en China.

O argumento vai sobre un orfo chamado Adam que descobre que é un príncipe destinado a se converter no salvador dun lonxano país. Adam deberá aprender a usar o seu poder e axudar ao seu fogar contra o malvado Skeletor.

Os irmáns Aaron e Adam Nee (responsábeis de The Lost City) dirixirán a partir dun guión que eles mesmos escribiron xunto ao guionista de Shang-Chi, David Callaham. Todd Black, Jason Blumenthal, DeVon Franklin e Steve Tisch serán os produtores.

A propiedade, aínda a día de hoxe continúa a ser recoñecida sobre todo grazas aos emblemáticos debuxos animados dos anos 80, que continuaron nun filme de 1987 protagonizado por Dolph Lundgren. A Netflix conta nestes intres con dúas séries baseadas no persoaxe: Masters of the Universe: Revelation, creada por Kevin Smith, e outra con gráficos xerados por computadora que está aínda por estrear.