Starfleet Academy, nova série trekkie xa en desenvolvemento

1018

Segundo informa Deadline, na árbore de Star Trek ven de xermolar un novo gromo, Star Trek: Starfleet Academy, que está en desenvolvemento pola CBS Studios e nos estudos Secret Hideout para a canle ViacomCBS. A série, que comparte soamente o nome co famoso videoxogo da Interplay de 1997, está ambientada na escola de cadetes que se preparan para exercer funcións de mando na forza espacial da Federación Unida de Planetas.

A co-creadora da série Absentia, Gaia Violo, está a traballar nunha versión do proxecto. Agárda-se que Section 31, o spinoff de Star Trek: Discovery, reciba axiña o visto bó, polo que Starfleet Academy sería o seguinte proxecto a desenvolver. A ideia é presenta-lo á Paramount+ e poñe-lo en marcha ao longo de 2023.

Durante a sesión executiva da Paramount+ o pasado xoves, Nicole Clemens, presidenta do departamento de séries guionizadas do devandito servizo de streaming, indicou que Section 31 seguía en marcha e que agardaba ter mais novas axiña.

Pola súa banda, o máximo responsábel da franquía, Alex Kurtzman, confirmou o nacemento da nova série no Trekverso e ademais revelou que hai outra série mais en proxecto á parte de Section 31, pero sen dar moitos mais detalles: “Temos que pensar a vários anos vista. Estamos pensando en saber que quereremos novas séries dentro de dous ou tres anos, así que temos que empezar a planifica-las agora. Hai unha chea de cousas en desenvolvemento agora, que están comezando a tomar forma, e estamos súper entusiasmados con elas“.

A clásica saga de ciéncia-ficción creada por Gene Roddenberry en 1966 conta na actualidade con cinco séries no áire: na Paramount+ están Star Trek: Discovery, Star Trek: Short Treks e Star Trek: Prodigy, mentres que Star Trek: Strange New Worlds chegará en maio. Na Amazon Prime podemos ver Star Trek: Picard e Star Trek: Lower Decks. E ao longo de 2023, se todo vai ben, estreará-se Section 31, con Michelle Yeoh interpretando á emperatriz Philipa Georgiou.