A Disney+ fíxo-se cos dereitos da série de televisión con acción real baseada na saga de libros Goosebumps e ven de encargar a produción dunha primeira quenlla de dez episódios.
A nova adaptación desta popular colección de terror para adolescentes do escritor R.L. Stine anunciára-se case hai dous anos e levaba en preparación todo este tempo, pero entre a pandémia e o feito de que ningunha canle mercara aínda os dereitos, estaba pendente de saír adiante.
A série vai sobre un grupo de cinco rapaces que desencadean forzas sobrenaturais na súa vila e deben traballar xuntos para salva-la, mália que non son todos amigos e que teñen rivalidades e asuntos do pasado pendentes entre eles, e todo mentres descubren segredos dos seus pais no proceso.
Nick Stoller e Rob Letterman serán os guionistas e produtores executivos, tarefa na que estarán acompañados por Neal H. Moritz, Pavun Shetty, Conor Welch, Iole Lucchese e Caitlin Friedman. Letterman dirixirá o primeiro episódio.
As dúas longametraxes con acción real que se estrearon nos cinemas recadaron no seu conxunto mais de 250 millóns de dólares. Os libros, pola súa banda, levan mais de 400 millóns de exemplares vendidos, e iso só se contamos a versión orixinal en inglés.