O lendário Douglas Trumbull, pioneiro e grande mestre dos efectos especiais, morreu onte aos 79 anos.
Aos 25 anos e após de chamar po teléfone persoalmente a Stanley Kubrick e convence-lo das súas habilidades, Trumbull traballou nos abraiantes efectos visuais de 2001: A Space Odissey en 1968. A súa primeira tarefa foi crear as dúcias de animacións nas pantallas da lanzadeira luar Aries e mais na nave Discovery, e o que hoxe vemos coma gráficos de computadora, foron daquela en realidade fotografías recurtadas de revistas. O seu traballo é moitas veces citado coma máximo responsábel dos efectos especiais do filme, pero o certo é que foi só un dos catro supervisores. Nombergantes, a súa sona medrou exponencialmente dende aquela.
O seu seguinte filme sería The Andromeda Strain, que Michael Crichton dirixiu en 1971. De novo, Trumbull produciu as imaxes de “microscópio de electróns” a partir de recurtes fotográficos que imitan gráficos de computadora. E ao ano seguinte a Universal concedeu-lle un limitado orzamento dun millón de dólares para dirixir a película de ciéncia-ficción de tinturas ecoloxistas Silent Running. O filme non acadou críticas positivas daquela, pero co paso dos anos converteu-se nun clásico de todos os tempos, deixando abraiados aos estudos polo realismo dos seus efectos especiais.
En 1977 colaborou con Steven Spielberg en Close Encounters of the Third Kind, e ao ano seguinte, con Robert Wise en Star Trek: The Motion Picture. Após de traballar en ambos filmes sete días á semana durante 24 horas, rematou no hospital exhausto e con úlceras. E aínda que se prometeu nunca mais traballar para outros directores, en 1981 aceptou o posto de máximo responsábel dos efectos especiais doutra obra mestre da ciéncia-ficción: Blade Runner, de Ridley Scott. Trumbull non puido rematar o seu traballo, deixándo-o á metade para se concentrar noutro filme que el mesmo dirixiría: Brainstorm (1983), unha história de dous científicos que desenvolven un dispositivo para gravar e experimentar os sentimentos e percepcións doutras persoas. A película estivo por fracasar por mor da misteriosa morte por afogamento de Natalie Wood.
Trumbull pasou os seguintes anos semi-retirado, exercendo brevemente o posto de vicepresidente da IMAX Corporation, axudando no desenvolvemento de parques temáticos e creando invencións de seu, coma o Showscan. En 2011 regresaría para traballar con Terrence Malick en The Tree of Life, e en 2018 forneceu os efectos especiais e foi o produtor executivo de The Man Who Killed Hitler and Then the Bigfoot, pero esta foi a súa derradeira grande tarefa.
A súa filla Amy Trumbull dixo nun comunicado nas redes sociais que o seu pai “finou á noite após dunha dura batalla de dous anos contra o cancro, un tumor cerebral e mais un derrame”. A súa contribución final foi nos títulos de creto da série The Rings of Power, pero o seu legado ficará para sempre coma o dun dos grandes xénios que traballaron nesta indústria.