Blade Runner avanza 50 anos na Amazon

640

A Amazon Studios ven de comezar o desenvolvemento de Blade Runner 2099, unha série con alto orzamento que suporá a terceira entrega nunha franquía que comezou aló por 1982 co filme Blade Runner de Ridley Scott e que continuou en 2017 coa secuela de Denis Villeneuve, Blade Runner 2049.

Scott será o produtor executivo da série, que contará con Silka Luisa coma guionista e produtora executiva para a Scott Free Productions, a Amazon Studios e mais a Alcon Entertainment. Esta última é a compañía responsábel de The Expanse, que ven de rematar a súa exitosa andaina polas pantallas após de seis tempadas.

Seica Blade Runner 2099 atópa-se xa en fase de desenvolvemento prioritário na Amazon Studios, que quere meter présa ao proxecto e xa está á procura de datas para comezar a rodaxe. Ademais de Luisa, que será a guionista xefa, os estudos queren atopar mais escritores e contan con que o mesmo Scott poda dirixir a série.

A acción terá lugar cincuenta anos despois do filme de Villeneuve, pero non está claro cal sería o argumento ou mesmo os persoaxes que intervirán. Andrew Kosove, Broderick Johnson, Ben Roberts, Cynthia Yorkin, David W. Zucker, Clayton Krueger e mais o guionista Michael Green, que escribiu o libreto de Blade Runner 2049, comporán a listaxe de produtores executivos ademais dos enriba citados e de Scott, que nestes intres ocupa o mesmo posto para a série Raised by Wolves da HBO Max.