Daredevil abandoa a Netflix

933

As seis séries da Marvel na Netflix (Daredevil, Jessica Jones, Luke Cage, Iron Fist, The Punisher e The Defenders) abandoarán a plataforma para sempre a finais deste mes. Os dereitos sobre as séries regresan á Disney, que polo de agora nin confirmou nin desmentiu que teña plans para emiti-las no servizo de streaming de seu, a Disney+.

Hai tan so un par de días, os fans da Marvel atoparon un rótulo nas devanditas séries que di: “Derradeiro día para ver na Netflix: 28 de febreiro”. E aínda que todas estas séries foran creadas pola Netflix e aparecen coma “Netflix Original” para os espectadores, a realidade é que foran obxecto dun acordo de licéncia coa Disney, e que após de dous anos de non crear novos contidos, os dereitos regresan á Casa do Rato.

A Netflix comezou a emitir séries da Marvel en abril de 2015 con Daredevil, e todas elas foron canceladas, unha tras outra, ao longo de 2018 e 2019, precisamente cando se produciu o lanzamento mundial da Disney+. En novembro de 2020 cumpríron-se dous anos dende o remate da terceira tempada de Daredevil, abrindo a posibilidade de que Charlie Cox repeti-se o papel do superheroe cego no Universo Cinemático da Marvel, o que finalmente aconteceu nun cameo en Spider-Man: No Way Home.

Agora que tanto Cox coma o presidente da Marvel Studios, Kevin Feige, expresaron o seu interese en facer mais Daredevil, as especulacións sobre unha posíbel cuarta tempada na Disney increméntan-se. O problema seica sería que polo menos nos Estados Unidos, a Disney emite só contido específico para nenos, e as séries da Netflix foron ideiadas para adultos. Por este motivo, a Disney aínda non confirmou ren, e deixa aberta a porta a outras canles filiais (Hulu ou Stars) para emitir este contido.