A guerra dos Rohirrim comezará en 2024

627

A Warner Bros. Pictures, a New Line Cinema e a Warner Bros. Animation veñen de marcar no calendário a data do 12 de abril de 2024 para a estrea da longametraxe de anime The Lord of the Rings: The War of the Rohirrim.

Ambientada dous séculos antes dos acontecementos de The Hobbit e The Lord of the Rings, a nova história explora as andainas de Helm “Mano de Martelo”, o rei de Rohan, e da creación do Abismo de Helm.

O director de Blade Runner: Black Lotus, Kenji Kamiyama, e mais o produtor Joseph Chou traballarán neste proxecto cos estudos de anime Sola Entertainment, encargado de crear a animación, e que realmente comezou o choio xa en xuño do ano pasado.

Philippa Boyens, a co-guionista da triloxía de Peter Jackson, será a produtora executiva, e a súa filla Phoebe Gittins escribirá o guión xunto a Arty Papageorgiou, baseándo-se nunha ideia orixinal de Jeffrey Addiss e Will Matthews.

O realizador Richard Taylor, que coa súa compañía WETA gañou o Oscar aos mellores efectos especiais coa triloxía dos aneis, está tamén a bordo do proxecto, no que tamén hai que incluír ao director artístico Alan Lee e mais ao habitual ilustrador dos libros de Tolkien, John Howe. O elenco de actores que prestarán as súas voces aos protagonistas está aínda por decidir.