A Paramount (o novo nome da ViacomCBS) ven de anunciar no decurso da súa presentación anual para os investidores os seus plans de expansión mundial e de acadar 100 millóns de subscritores canto antes. Para elo, contan con algunhas novidades que poderán animar aos espectadores a se abonar ao servizo de streaming.
A primeira é a cuarta entrega da nova saga de Star Trek no cinema, dentro da “Liña temporal Kelvin”, nunha longametraxe que contará con Matt Shakman coma director e J.J. Abrams de produtor. O guión é obra de Josh Friedman (Snowpiercer) e Cameron Squires (WandaVision) e nestes intres están a negociar o regreso do elenco composto pot Chris Pine, Zachary Quinto e Zoe Saldana para que repitan os seus papéis. A produción ten previsto comezar a finais deste mesmo ano.
O seguinte proxecto é unha terceira película de Sonic the Hedgehog, que xa está en desenvolvemento, cando aínda fallan dous meses para a estrea da segunda parte.
Ademais, confirmou-se que Transformers: Rise of the Beasts debutará nos cinemas e que será a primeira dunha nova triloxía da popular franquía de robots mutantes, elevando deste xeito a nove o total de filmes creados para a saga.
Pola súa banda, John Krasinski revelou que a terceira parte de A Quiet Place xa está en marcha e que debutará ao longo de 2025. A participación do mesmo Krasinski de todos os xeitos non está asegurada.
E para rematar, no servizo da Paramount+ hai tamén novidades, e a primeira é que a série Halo contará cunha segunda tempada, mesmo antes da estrea da primeira. E a segunda é que os Transformers contarán cunha nova série de debuxos animados de 26 episódios, centrados esta vez nunha nova espécie.