Hanks, Zemeckis e Roth reúnen-se Aquí

191

Vários estudos e canles de televisión están a estudar detidamente a posibilidade de facer Here, unha adaptación da célebre novela gráfica de Richard McGuire que reunirá ao trío responsábel da película de 1994 Forrest Gump. Tom Hanks será o protagonista, Robert Zemeckis dirixirá, e o guión é de Eric Roth e o mesmo Zemeckis. Os tres gañaron o Oscar por aquel clásico do cinema no que un persoaxe é descrito ao longo do tempo, e agora este novo proxecto abrangue un período de tempo aínda mais amplo.

A novela gráfica Here céntra-se nunha habitación e nas moitas persoas que a habitan durante centos de anos, dende o pasado até un futuro moi lonxano. Esta sería unha longametraxe de grande orzamento, que será producida pola Playtone e a ImageMovers. A poxa polos dereitos está a se producir durante estes días.

Orixinalmente, Here foi unha tira cómica en branco e negro de seis páxinas publicada en 1989, pero en 2010, McGuire anunciou unha versión estendida até as 300 páxinas, a toda cór, e que foi finalmente publicada pola Pantheon Books en decembro de 2014. A obra foi recoñecida coma un experimento innovador coas propiedades formais do cómic, e que influíu notabelmente a artistas posteriores.