Beetlejuice 2 volve ser unha posibilidade

153

A ideia dunha segunda parte de Beetlejuice leva rodando polo menos 30 anos, pero agora que a carreira de Michael Keaton volve rexurdir con forza, comeza a se falar outra vez da posibilidade de Beetlejuice 2, e esta vez as novas chegan da compañía produtora de Brad Pitt, a Plan B, que seica está interesada en fornecer os cartos para o filme e de pór xuntos a Keaton e a Winona Ryder repetindo os seus papéis orixinais.

Porén polo de agora o plan non conta coa luz verde. A aprobación precisaría do visto bó da Warner Bros, a propietária dos dereitos sobre a longametraxe. Tampouco se sabe ren de se Tim Burton estaría vencellado dalgún xeito.

A última vez que se falara de Beetlejuice 2 foi en 2017, cando Mike Vukadinovich foi contratado para reescribir o guión que entregara Seth Grahame-Smith con anterioridade.

A película orixinal foi dirixida por Burton en 1988 e se converteu axiña nun clásico de culto. Os seus protagonistas foran Alec Baldwin e Geena Davis no papel de senllas pantasmas que enmeigaban a súa vella casa, pero cando unha rapaza (Ryder) accidentalmente ceiba a unha pantasma cachafella (Keaton), Baldwin e Davis tentarán convencer aos novos donos da súa casa para que marchen.

A Keaton, recente gañador do prémio ao mellor actor da SAG, verémo-lo axiña en Morbius, e ademais ten previsto regresar ao seu papel de Bruce Wayne/Batman na longametraxe The Flash que dirixe Andy Muschietti para a DC.