God of War, un dos videoxogos bandeira da plataforma PlayStation, podería contar axiña cunha versión de seu para a tele. A Prime Video está a negociar a creación dunha série con acción real baseada neste videoxogo de aventuras con temática mitolóxica.
A adaptación provén dos creadores e produtores executivos de The Expanse, Mark Fergus e Hawk Ostby, e mais do showrunner e produtor de The Wheel of Time Rafe Judkins, xunto coa Sony Pictures Television e a PlayStation Productions, polo que a calidade do programa semella asegurada. Nombergantes, polo de agora os representantes da Sony e da Amazon Studios non quixeron engadir mais comentários ás novas, que se deron a coñecer na Deadline.
En todo caso, esta sería o mais recente grande acordo polo que un videoxogo pasa á tele. A Peacock fíxo-se hai pouco cos dereitos sobre outra das propiedades estrela da PlayStation, Twisted Metal, e xa encargou unha série que protagonizará o Falcón Anthony Mackie. A HBO pola súa banda continúa a desenvolver a série The Last of Us, protagonizada por Pedro Pascal e Bella Ramsey. Na Netflix teñen Resident Evil e na Paramount+ vai debutar Halo dentro de pouco.
A Amazon Studios está a ser particularmente agresiva cando se trata de se facer cos dereitos de videoxogos: na súa carteira están xa Fallout, que produce a Killer Films e protagoniza Walton Goggins, conta coa adaptación de Mass Effect, e ademais asinou un acordo de primeiro lance coa dj2 Entertainment.
A franquía de God of War, desenvolvida polo Santa Monica Studio da Sony, abrangue un total de sete xogos para catro versións da consola PlayStation. A saga comezou en 2005 para a PlayStation 2, protagonizada polo guerreiro espartano Kratos e a súa perigosa viaxe para se vingar de Ares, o deus grego da guerra, despois de matar aos seus seres querido baixo un meigallo do deus. E após de se converter el mesmo no deus da guerra, está sempre tentando atopar unha oportunidade para cambiar o seu destino.
En 2018 o Santa Monica Studio recuperou a franquía para a PlayStation 4, e desta volta Kratos arrostra aos deuses nórdicos mentres tenta ter unha segunda oportunidade de ser pai do seu fillo Atreus. A entrega arrasou nos prémios dos videoxogos daquel ano, incluíndo o título de mellor videoxogo.
A oitava parte da franquía, que levará por título God of War Ragnarök, anunciou-se en setembro de 2020 e ten prevista a súa aparición ao longo do presente ano para PlayStation 4 e PlayStation 5.
Fergus e Ostby compartiron en 2007 a nominación ao Oscar polo guión de Children of Men e ademais son os responsábeis de Iron Man, o primeiro dos grandes bombazos da Marvel Studios nos despachos de billetes. Judkins pola súa banda foi guionista e produtor da série da canle ABC Marvel’s Agents Of S.H.I.E.L.D.