Oscar Morgan, Olivia Rose Keegan e Navia Robinson veñen de ser anunciados para se uniren ao elenco do episódio piloto de Gotham Knights, a nova série para adolescentes que a canle The CW está a preparar sobre o universo da DC Comics. Os seus nomes únen-se deste xeito aos xa anunciados de Fallon Smythe e Tyler DiChiara, quen interpretan ás irmás Row.
Escrita polo mesmo trío de Batwoman (Chad Fiveash, James Stoteraux e Natalie Abrams), Gotham Knights está baseada no videoxogo homónimo, cuxo argumento comeza xusto despois da morte de Bruce Wayne, cando os seus protagonistas son acusados inxustamente do seu asasinato. O grupo de renegados, composto polos fillos dalgúns dos mais sinistros persoaxes da cidade, deberá limpar os seus nomes e converter-se asemade na seguinte xeración de heroes.
Morgan será Turner Hayes, fillo adoptado de Batman. Keegan interpreta a Duela, filla do criminoso “Dúas Caras” Harvey Dent, e Robinson será Carrie Kelley, a nova Robin (creada por Frank Miller no clásico cómic The Dark Knight Returns).
A série conta coma sempre coa produción de Greg Berlanti para a Warner Bros. Television. Xunto a Berlanti, os produtores executivos serán Sarah Schechter, David Madden, Abrams e Danny Cannon. Este último ademais dirixirá o episódio.