William Hurt, gañador do Oscar ao mellor actor en 1985, ven de finar aos 71 anos de idade por mor de complicacións dun cancro de próstata, rodeado polos seus amigos e a súa família.
Hurt fixo o seu debut nas pantallas co filme de terror e ciéncia-ficción Altered States (1980) que dirixiu Ken Russell, e a partir dese intre converteu-se nunha das faces mais populares do cinema da década, que remataría co seu Oscar en Kiss of the Spider Woman.
Regresou ao cinema de xénero nos 2000 con dous grandes éxitos: Dark City de Alex Proyas e A.I.: Artificial Intelligence de Steven Spielberg, pero tamén interveu nos filmes The Village de M. Night Shyamalan e Lost in Space. E non se afastaría do cinema mais comercial grazas ao Universo Marvel, onde interpretou ao coronel Ross a partir de The Incredible Hulk e ao longo de vários filmes até Black Widow o ano pasado. Ademais, nos 2010 protagonizou ou apareceu no conto fantástico Winter’s Tale e mais no thriller de ciéncia-ficción The Host.
Na televisión os fans relembrarán a súa interpretación do duque Leto na mini-série Dune, así coma aparicións coma convidado en Humans ou mais recentemente en Mythic Quest.