O compositor Michael Giacchino, gañador do Oscar en 2010 pola banda sonora do filme Up, e recente triunfador pola música de The Batman, podería sentar axiña na cadeira de director, facendo deste xeito o seu debut nunha longametraxe.
Várias fontes informan que Giacchino negócia a súa entrada coma director dun filme aínda sen título que o servizo de streaming da Disney+ quere estrear co gallo do Halloween deste ano. Gael García Bernal lidera o elenco deste especial, centrado nos lobishomes, e que seica estaría baseado no cómic Werewolf by Night. A produción da longametraxe comezará a finais de mes.
Giacchino conta xa cunha pequena experiéncia coma director. En 2018 escribiu, dirixiu e compuxo a música de Monster Challenge, unha curta que foi unha versión satírica dos concursos televisivos xaponeses. E en 2019 dirixiu o episódio Ephraim and Dot da escolma Star Trek: Short Treks para a Paramount+.
Coma compositor, Giacchino traballou en moitos dos filmes de mais sona dos últimos vinte anos: Spider-Man, Star Trek, Jurassic World, The Incredibles, Doctor Strange, Rogue One, Dawn of the Planet of the Apes, John Carter, Cloverfield… e na tele, para séries coma Lost e Fringe.