Chance Perdomo (Chilling Adventures of Sabrina) ven de se facer cun dos papéis protagonistas na nova série que a Amazon Prime está a preparar coma un spin-off de The Boys.
Perdomo interpretará a un superheroe mozo, substituíndo deste xeito a Shane Paul McGhie, quen tivo que abandoar recentemente a série. Os showrunners Michele Fazekas e Tara Butters son os responsábeis creativos deste proxecto, aínda en desenvolvemento, polo que o papel de Perdomo non é exactamente o mesmo que ía ter McGhie.
Jaz Sinclair, Lizze Broadway, Reina Hardesty e Maddie Phillips compoñen o resto do elenco nesta série irreverente e clasificada “para maiores” que explorará as vidas de superheroes guiados polas súas hormonas de adolescentes mentres poñen a proba as súas capacidades físicas, sexuais e morais nunha escola para futuros heroes de aluguer.
A longa lista de produtores executivos está composta por Eric Kripke, Seth Rogen, Evan Goldberg, James Weaver, Neal H. Moritz, Ori Marmur, Pavun Shetty, Ken Levin, Jason Netter, Garth Ennis, Darick Robertson, Craig Rosenberg, Zak Schwartz, Erica Rosbe e Michaela Starr, estas dúas últimas no nome da Sony Pictures Television Studios e da Amazon Studios.