Seica a Marvel Studios está a desenvolver un proxecto baseado no superheroe Nova e ven de encargar o guión a Sabir Pirzada, quen traballou recentemente coa equipa de escritores da série Moon Knight, a estrear a vindeira semana na Disney+.
Polo de agora non se sabe se Nova se desenvolverá coma unha longametraxe ou coma unha série limitada para o servizo de streaming da Disney+, pero en calquera caso Kevin Feige será o seu produtor.
Creado en 1966 polo guionista Marv Wolfman nas páxinas do seu fanzine Super Adventures, aínda que daquela baixo o nome de The Star, orixinalmente Nova era un médico extraterrestre chamado Denteen que atopou unha nave espacial que contiña pílulas que lle daban un poder sobrehumano diferente cada cinco minutos. No número 6 do fanzine, Wolfman e mais o guionista Len Wein reimaxinaron ao persoaxe, agora un prisioneiro chamado Kraken Roo que resulta ser o superheroe Black Nova. E por fin, anos mais tarde, cando Wolfman traballaba xa para a Marvel Comics, el mais o debuxante John Romita Sr. retocaron o deseño do uniforme e crearon unha nova história.
Nesta nova orixe a partir de 1976, cando morre Rhomann Dey, o derradeiro membro supervivente do corpo de élite Nova do planeta Xandar, elixe ao estudante de New York Richard Rider para que o substitúa. Rider recibe o uniforme e mais os poderes dun centurión Nova, pero poucas instrucións sobre como utiliza-los. Baixo o nome de Nova, convérte-se nun superheroe que loita contra supefalcatruáns coma Condor, Powerhouse, Diamondhead, o Corruptor, ou Sphinx e forma equipa con Spider-Man ou Thor.
O persoaxe tivo que se enfrontar aos Skrulls, que xa apareceron nas pantallas no filme Captain Marvel e serán ademais protagonistas da série Secret Invasion, polo que esta podería ser a súa conexión co actual universo cinemático da Marvel.