As orixes do pallaso Pennywise

621

A HBO Max quere desenvolver unha série precuela da adaptación que a Warners fixo en dous filmes de IT, a clásica novela de terror de Stephen King. Os dous filmes recadaron conxuntamente mais de 1.100 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo.

A série leva polo de agora o título de Welcome to Derry e arrincaría nos anos 60, nun tempo que se conectará cos acontecementos do filme de 2017 IT: Part One, e ademais seica incluirá a história da orixe do sinistro pallaso Pennywise.

O arxentino Andy Muschietti, quen dirixiu os dous filmes no cinema, será o produtor executivo xunto coa súa dona Barbara Muschietti e mais Jason Fuchs. O matrimónio dos Muschietti desenvolveu a ideia orixinal e Fuchs escribiu o guión. Andy ademais será o encargado de dirixir o primeiro episódio, para o cal xa está en marcha a contratación de guionistas que formen parte da oficina de traballo.

A Warner Bros. Television apoia o proxecto, que ven a se unir a outros nos que dun xeito semellante se fixo unha secuela ou un spin-off a partir de franquías rendíbeis, coma a série The Penguin que protagonizará Colin Farrell baseada no filme The Batman, ou a série sobre as Bene Gesserit baseada no recente éxito Dune.