Bill Skarsgård á fronte do novo Corvo

313

Após de facer o papel do pallaso Pennywise nas dúas entregas de IT, agora Bill Skarsgård ven de recibir o encargo de interpretar a outro persoaxe clásico do xénero fantástico, a Eric Draven, o protagonista de The Crow.

O cómic orixinal de James O’Barr narraba como Draven e mais a súa moza eran asaltados e asasinados por unha banda de criminosos despois de que que o seu coche tivera un accidente. Porén Eric é despois resucitado por un corvo e adíca-se a procurar vinganza contra aqueles que o asasinaron a el e mais á súa namorada.

Rupert Sanders (Snow White and the Huntsman, Ghost in the Shell) dirixirá este thriller de vinganza alén da tumba, que producen Edward R. Pressman e Malcolm Gray. Zach Baylin, o escritor responsábel do filme King Richard, é o autor do guión.

Ao contrário que os anteriores intentos, que se remontan polo menos a 2008, todo semella indicar que desta volta o proxecto si que sairá adiante, dado que conta xa cun orzamento de 50 millóns de dólares e datas de comezo da rodaxe en xuño nas cidades de Praha (Chéquia) e München (Alemaña).

Realizadores coma Stephen Norrington, F. Javier Gutiérrez ou Corin Hardy e actores coma Luke Evans e Jason Momoa estiveron vencellados a anteriores intentos de revivir a franquía, que iniciou Alex Proyas cun filme de 1994 considerado clásico e ao mesmo tempo maldito, por mor da tráxica morte do seu protagonista, Brandon Lee, durante a rodaxe. Após deste, fixéron-se tres secuelas e mais unha série de televisión.