O regreso a Monkey Island

584

A compañía texana de videoxogos Devolver Digital ven de anunciar Return to Monkey Island, unha nova entrega na emblemática franquía da illa dos monos que chegará ao mercado a finais deste mesmo ano.

Esta será a primeira vez que os co-creadores da saga, Ron Gilbert e Dave Grossman, volvan traballar xuntos dende 1991, cando apareceu a segunda aventura da série, Monkey Island 2: LeChuck’s Revenge. O xogo vai ignorar polo tanto os acontecementos das entregas números tres, catro e cinco (Curse of Monkey Island, Escape from Monkey Island e Tales of Monkey Island) e funcionará coma unha secuela directa de LeChuck’s Revenge.

A terceira e cuarta partes fixéran-se despois de que Gilbert e Grossman abandoaran a LucasArts, polo que non estiveron vencellados aos devanditos proxectos. Nombergantes, ambos os dous participarían despois na quinta parte, que foi desenvolvida pola Telltale Games.

Gilbert encabeza este novo proxecto, que leva en desenvolvemento en segredo mais de dous anos, e que tamén suporá o regreso de Dominic Armato poñéndo-lle a voz ao seu protagonista, Guybrush Threepwood.

Os títulos orixinais desta saga de “point-and-click” son considerados non só un clásico, senón toda unha pedra angular da história dos videoxogos de finais dos 80 e comezos dos anos 90 e ían sobre as aventuras do malfadado Threepwood na súa loita por se converter no pirata mais famoso do Caribe, derrotar os plans do malvado pirata non-morto LeChuck e gañar o corazón da governadora Elaine Marley.

O anúncio ven acompañado dun breve tráiler, no que polo menos se pode ver xa o estilo dos gráficos, ademais de volver escoitar a inesquecíbel melodía orixinal. O xogo ten previsto aparecer no mercado a finais de 2022, pero mentres tanto, as versións de edición especial dos dous primeiros videoxogos de Monkey Island xa están dispoñibeis en Steam, GOG.com e Xbox.