O veterán actor Frank Langella, nominado ao Oscar en 2008, ven de ser despedido fulminantemente de The Fall of the House of Usher, a série limitada de 8 episódios que a Netflix está a rodar baseada na obra homónima de Edgar Allan Poe.
Langella foi sometido a unha investigación, que xa se completou, e que determinou que mantivo unha conduta inaceptábel nos escenários de rodaxe. Coma resultado, decediu-se despedi-lo e contratar no seu lugar a outro protagonista, polo que se terán que volver a rodar todas as escenas nas que el participou. A produción atopába-se nestes intres aproximadamente na súa metade.
Mentres tanto, a rodaxe da série continuou ao longo desta pasada semana, pero só coas escenas nas que Langella non tiña participación. Nin a Netflix nin os representantes de Langella quixeron facer comentários.
A investigación comezara a semana pasada despois de que o actor, de 84 anos, fora acusado de acoso sexual, incluíndo algúns comentários inaxeitados a compañeiras de traballo.
The Fall of the House of Usher conta no seu elenco con Carla Gugino, Mary McDonnell, Carl Lumbly e Mark Hamill. O argumento, baseado no conto de Poe, ten coma protagonista a Roderick Usher, o patriarca da dinastía familiar, para o que agora haberá que volver a atopar un actor.
A série, creada por Mike Flanagan, está producida por el mesmo xunto ao seu parceiro Trevor Macy, da Intrepid Pictures, ademais de Emmy Grinwis e Michael Fimognari. Flanagan e Fimognari dirixen cadanseus catro episódios.