A HBO Max ven de encargar oficialmente a produción do episódio piloto para unha nova série que adapte para a tele o cómic Dead Boy Detectives, creado por Neil Gaiman e Matt Wagner para a DC.
Steve Yockey (creador de The Flight Attendant) adaptou o cómic e será o showrunner do piloto, que contará coa produción da Warner Bros. TV e mais a Berlanti Productions. Jeremy Carver tamén está a bordo do proxecto coma produtor executivo.
Dead Boy Detectives é descrita coma unha nova versión das clásicas histórias de pantasmas, na que se explora a perda, a mágoa e mais a morte. Os protagonistas son as pantasmas de dous nenos ingleses mortos, Charles Rowland e Edwin Paine, quen no lugar de entrar no alén, fican na Terra para se converteren en detectives xunto á súa amiga aínda viva Crystal Palace, investigando crimes que teñen relación co sobrenatural.
George Rexstrew e Jayden Revri serán Edwin e Charles, mentres que Kassius Nelson fará o papel de Crystal. Briana Cuoco, Yuyu Kitamura e Jenn Lyon compoñen o resto do elenco, xunto a Ruth Connell, quen repite o seu papel do demo Night Nurse da série Doom Patrol, tamén na HBO Max.