Monkey Island 6 resolverá o mistério do parque de atraccións

339

O vindeiro videoxogo Return to Monkey Island resolverá por fin o mistério mais grande da franquía: o final do xogo de 1991 Monkey Island 2: LeChuck’s Revenge, cando o protagonista entra abraiantemente nun parque de atraccións.

O novo xogo, que ten previsto aparecer a finais de ano, leva dous en desenvolvemento e está dirixido por Ron Gilbert, director e coguionista do xogo orixinal e director da secuela. O acompaña Dave Grossman, quen tamén coescribiu os dous orixinais. Aínda que o xogo é o sexto da franquía, é só o terceiro que dirixen ambos e, polo tanto, é unha secuela directa do segundo.

En declaracións a Adventure Gamers, a parella confirmou que o confuso final do moderno parque de atraccións da segunda entrega vai-se explicar por fin. Segundo o mesmo Gilbert, “unha das cousas que era moi importante para min era que quería que o xogo empezara xusto ao final de Monkey Island 2, cando entras nese parque de atraccións. Quería que o xogo empezara aí… Non quero entrar en todos os detalles, pero si que empezamos aí, e logo dá moitos xiros estraños que cabería esperar de nós“.

Os xogos tres, catro e cinco ignoraron totalmente este remate, o que dá á parella creativa liberdade para resolve-lo coma queiran. Nombergantes, hai ideias que non poderán utilizar, porque seica xa foron usadas para anteriores entregas: “Se eu fixer o Monkey Island 6 real, a xente diría que estou a copia-lo de Escape from Monkey Island ou de The Curse of Monkey Island. Non coido que poidas facer ese xogo“.

Gilbert confirmou tamén que o novo xogo verá o regreso á illa orixinal, Mêlée Island. A parella dixo que tentaron facer-se cos actores orixinais, e así Denny Delk regresa coma Murray e Alexandra Boyd coma Elaine, pero non puideron convencer a Earl Boen para facer outra vez de LeChuck, porque o actor xa está felizmente retirado, aínda que lles deu a súa benzón para atoparen unha nova voz.