Momoa será a voz de Minecraft

756

O protagonista de Aquaman, Jason Momoa, está a negociar os derradeiros detalles do contrato polo que se converterá na voz principal da longametraxe Minecraft, baseada no popular videoxogo do mesmo nome que está a planear a Warner Bros. Pictures. Jared Hess, o realizador responsábel de Napoleon Dynamite, está confirmado coma director.

O filme é un proxecto longamente xestado na Warners e conta cunha chea de directores que entraron e saíron durante este tempo, no que se tivo que ir adiando moitas veces. Steve Carell estivo vencellado coma protagonista hai xa algúns anos, pero dado que os estudos están por perder os dereitos, que vencen en xaneiro de 2023, queren acelerar a produción antes daquela.

O videoxogo Minecraft debutou en 2011 e permite aos xogadores usar bloques para crear estruturas e mesmo mundos enteiros. O seu éxito foi enorme dende o primeiro intre, chegando aos 100 millóns de usuários tan só nuns poucos anos despois do seu lanzamento. En 2014 Microsoft mercou a compañía creadora, a Mojang, por 2.500 millóns de dólares.