A Netflix e mais a Chernin Entertainment van-se asociar cos creadores do popular xogo de cartas Exploding Kittens para produciren unha série de televisión e mais un videoxogo baseados na propiedade.
A série será unha comédia de debuxos animados para adultos que contará cos creadores de King of the Hill, Mike Judge e Greg Daniels, mentres que o produtor e guionista Shane Kosakowski e mais Matthew Inman (o debuxante creador do xogo e mais do webcómic The Oatmeal) serán os showrunners. Polo de agora o debut da série prevé-se para 2023.
A série tratará do eterno conflito entre o ceo e o inferno cando deus e mais o diaño son enviados á Terra nos corpos de gordechos gatos domésticos. Tom Ellis, Abraham Lim, Lucy Liu, Ally Maki, Mark Proksch e mais Sasheer Zamata emprestarán-lles as súas voces aos gatos protagonistas do elenco.
O videoxogo para dispositivos móbiles pola súa banda chegará antes, a partir do vindeiro mes de maio, e será efectivamente o mesmo xogo de cartas, pero para móbil, e co engadido de dúas novas cartas exclusivas que revelan a posición da carta “Exploting Kitten” e inverten a orde do mazo.
En datas posteriores, engadirán-se mais cartas novas e mecánicas do xogo vencelladas á série da tele. O xogo será gratis para os abonados á Netflix, sen prezos adicionais ou compras internas na app.