O filme de Voltron chega á Amazon

68

A Amazon está a negociar a posibilidade de se facer cos dereitos sobre a clásica série de debuxos animados dos anos 80 Voltron: Defender of the Universe, aínda que esta vez para facer unha versión no cinema e con acción real.

O realizador Rawson Marshall Thurber (Red Notice) está vencellado a este proxecto coma posíbel director da longametraxe, que el mesmo escribiu xunto a Ellen Shanman. Todd Lieberman, David Hoberman e Bob Koplar serán os produtores.

O mes pasado déran-se a coñecer as novas dunha guerra de poxas entre a Warners, a Universal e outros estudos para obteren os dereitos sobre a franquía, que agora podería aterrar finalmente nas mans da Amazon.

Os debuxos animados de Voltron chegaron aos Estados Unidos e a Europa por médio de versións fortemente editadas e dobradas de dúas séries xaponesas de ciéncia-ficción, tituladas orixinalmente Beast King GoLion e Kikou Kantai Dairugger XV, que se mesturaron para crear Voltron: Defender of the Universe. A história ía sobre cinco mozos pilotos no batallón dos leóns robot, que son vehículos que se encaixan para construíren xuntos un mega robot chamado Voltron.

A série mantivo unha chea de fans ao longo dos anos, o que produciu algunhas versións de reinício, coma na NickToon en 2011 e na Netflix en 2016. A DreamWorks estivo tamén interesada en facer unha longametraxe de debuxos animados, pero a ideia finalmente non prosperou.