A Granxa de Animáis de Andy Serkis

86

O actor e director Andy Serkis (Venom: Let There Be Carnage) ven de recibir o encargo de se pór á fronte dun proxecto que leva agardando a súa oportunidade dende 2012: a adaptación en debuxos animados da clásica novela de George Orwell Animal Farm para a Aniventure e mais a compañía de seu, The Imaginarium. A produción está xa en marcha nos estudos ingleses de Cinesite, que actualmente celebran o seu 30º aniversário.

A fábula distópica publicada en 1945 vai sobre un grupo de animais de granxa que se rebelan contra o seu dono humán, coa esperanza de crear unha sociedade onde poidan ser iguais, libres e felices. A novela foi nomeada pola revista Time coma unha das 100 mellores escritas entre 1923 e 2005, e gañou ademais un prémio Hugo retrospectivo. A obra conta con numerosas adaptacións: as primeiras foran para a rádio e o teatro, e a derradeira, polo de agora, foi un telefilme de John Stephenson en 1999.

Após de se facer cos dereitos, Serkis tiña previsto nun princípio escribir, dirixir e protagonizar esta adaptación, que finalmente, e após de non poucas voltas, realizará-se en debuxos animados. Porén agora será Nicholas Stoller (Gulliver’s Travels, Captain Underpants) quen adapte o guión. Serkis producirá xunto a Adam Nagle, Dave Rosenbaum e mais Jonathan Cavendish, o seu parceiro en The Imaginarium.