Amazon e a Rocha: Fan Falla Dous

712

A Amazon e mais a compañía de Dwayne Johnson, a Seven Bucks Productions, encargarán-se conxuntamente de adaptar para o cinema o videoxogo It Takes Two, o gañador do prémio ao mellor xogo do ano pasado.

A história segue as aventuras de Cody e May, unha parella que está por se divorciar e que é transformada maxicamente en bonecos viventes. Atrapados nun mundo fantástico, deberán-se sobrepoñer á súa relación rachada e mais a unha manchea de problemas para poderen regresar á normalidade, todo mentres a súa filla lles bota as culpas pola súa mala relación.

O xogo, que recibiu algunhas das mellores críticas que se lle deron a un videoxogo o ano pasado, vendeu xa por riba dos cinco millóns de cópias e debe xogar-se en parella, cun amigo, xa sexa persoalmente ou en liña.

A empresa desenvolvedora orixinal, a Hazelight Studios, xunto á dj2 Entertainment, están atrás deste proxecto, que conta cun guión dos mesmos responsábeis do filme Sonic the Hedgehog, Pat Casey e Josh Miller. Johnson, Dany Garcia, Hiram Garcia, Dmitri M. Johnson e Dan Jevons serán os seus produtores.