Renck dirixe ás Bene Gesserit

128

O sueco Johan Renck, o responsábel da aclamada série limitada Chernobyl da HBO, será o encargado de dirixir os dous primeiros episódios da série precuela de Dune que está a preparar a HBO Max.

Renck será ademais o produtor executivo da série, cuxo título polo de agora é Dune: The Sisterhood. Deste xeito, substitúe ao realizador Denis Villeneuve, que ten a axenda de traballo moi comprometida por mor da segunda entrega da súa longametraxe.

A série está ambientada 10.000 anos antes dos acontecementos de Dune e ten coma protagonistas ás irmás Harkonnen, mentres combaten ás forzas que ameazan o futuro da humanidade e fundan a famosa seita coñecida coma as Bene Gesserit.

Diane Ademu-John será a guionista, showrunner e produtora executiva da série, xunto a Villeneuve, Jon Spaihts, Scott Z. Burns, Mark Friedman, Matthew King, Brian Herbert, Byron Merritt e Kim Herbert.