Os xemelgos marabilla penden dun fío

80

Após da fusión entre a Warner Bros. e a Discovery, moitos proxectos comezan a caer porque os novos xefes non-os consideran abondo lucrativos, e un deles podería ser a adaptación ao cinema dos Wonder Twins, que ía comezar a súa produción xa este verán.

Segundo fontes sen confirmar, a equipa de rodaxe foi informada a comezos da pasada semana de que a adaptación con acción real dos persoaxes da DC Comics foi cancelada mesmo antes do seu comezo, previsto para o 5 de xullo. Aínda que o motivo da decisión non se deu a coñecer, todo fai pensar que a fusión entre Warner Bros. e a Discovery fixo cambiar a opinión sobre vários proxectos dubidosos.

O filme de Wonder Twins anunciou-se este febreiro co guionista de Black Adam, Adam Sztykiel, escribindo e dirixindo. A película contaba ademais xa con dous protagonistas, KJ Apa e Isabel May, nos papéis de Zan e Jayna.

Despois da adquisición de WarnerMedia por parte da Discovery, a Warner Bros. Pictures está tentando atopar a alguén que, coma Kevin Feige na Marvel Studios, se poña á fronte da DC Films e reavive unha sección que non está a dar os froitos desexados, tendo en conta a inmensa popularidade dos seus superheroes.

Creados en 1977 por Norman Maurer, William Hanna e Joseph Barbera para a série de debuxos animados para nenos The All-New Super Friends Hour, os xemelgos extra-terrestres Zan e Jayna ían acompañados dun mono que os axudaba na súa loita contra os criminosos. En 1995 incorporáron-se ao universo da DC xa nas páxinas dos cómics, e dende aquela tentaron ir recuperando algo de seriedade en distintas aparicións con diverso éxito: na tele, en Smallville ou Teen Titans Go!