Ncuti Gatwa, un dos protagonistas da série Sex Education da Netflix, será o sucesor de Jodie Whittaker en Doctor Who, no papel do protagonista viaxeiro do tempo, o Doutor.
O novo Doutor asumirá o papel principal da lonxeva série de ciéncia-ficción da BBC xunto ao ex-showrunner Russell T. Davies, que estivo a cargo da série de 2005 a 2010 e agora volve a se facer cargo da mesma.
Gatwa é un actor inglés de 29 anos e de orixe ruandesa, que saltou á fama grazas ao seu papel do rapaz gai Eric Effiong na comédia para adolescentes Sex Education. O papel valeu-lle tres nominacións aos prémios BAFTA e mais un BAFTA escocés do mellor actor de televisión. Ademais desta série, ten previsto aparecer no filme Barbie, xunto a Margot Robbie e Ryan Gosling.
Nunha nota de prensa, o actor dixo: “Non hai palabras para describir como me sinto. Unha mestura de profunda honra, alén da emoción e, por suposto, un pouco de medo. Este papel e este programa significan mucho para moitos en todo o mundo, incluído eu mesmo, e cadaún dos meus predecesores, de incríbel talento, manexou esa responsabilidade e ese priviléxio únicos co máximo coidado. Esforzarei-me ao máximo para facer o mesmo“.
O showrunner Davies comentou pola súa banda: “O futuro está aquí e é Ncuti! Ás veces o talento entra pola porta e é tan brillante e audaz, que fico abraiado e dou grazas ás miñas estrelas da sorte“.
O persoaxe do Doutor Who é un extra-terrestre coa capacidade de se “rexenerar” e mudar o seu rostro e personalidade, e ven sendo interpretado por distintos actores dende 1963, entre eles nomes coma os de William Hartnell, Tom Baker, Sylvester McCoy, Paul McGann ou David Tennant. Gatwa é o 14° actor que se fai cargo do persoaxe, e o primeiro negro.
Whittaker, a actual doutora, que pola súa banda foi a primeira muller que interpretou o papel, recolleu o testemuño do actor Peter Capaldi en decembro de 2017. Dende entón protagonizou tres tempadas e vários especiais. O seu derradeiro episódio emitirá-se en outono coma parte do especial do centeário da BBC, no que probabelmente Gatwa faga a súa primeira aparición nas pantallas.