Neeson e Keery loitan contra os virus

437

O veterán heroe de acción Liam Neeson e mais o descubrimento de Stranger Things Joe Keery serán os protagonistas de Cold Storage, unha fita de ciéncia-ficción que a Studiocanal está a preparar.

A história está baseada na novela homónima do famoso guionista de Hollywood David Koepp (responsábel de superéxitos coma Jurassic Park ou Mission: Impossible) e comeza nun pasado de várias décadas atrás, cando un microorganismo altamente infeccioso e en constante mutación, capaz de destruír a vida até a súa extinción, estaba a ser contido nunha instalación militar.

Nos nosos días, os militares pecharon e selaron os niveis inferiores das instalacións, pero venderon o resto a unha empresa de almacenaxe. Agora, as temperaturas comezan a subir baixo terra, o microorganismo atopa un xeito de escapar e, se se deixa que se estenda, axiña se multiplicará de xeito incontrolado por todo o mundo.

O destino da humanidade fica nas mans dun axente antibioterrorista retirado e de dous improbábeis heroes empregados na instalación, que se ven atrapados nunha carreira contra o tempo para destruír o organismo e salvar á humanidade.

Jonny Campbell (Westworld, Doctor Who) será o director do filme, que conta cun guión do mesmo Koepp. Gavin Polone é o produtor e a rodaxe dará comezo en outono.