Os deuses chineses enfróntan-se na Disney

937

O trío de actores clave que protagonizaron o grande éxito fantástico desta primavera, Everything Everywhere All at Once, vai-se reunir outra vez nun proxecto do servizo de streaming da Disney+.

Michelle Yeoh, Ke Huy Quan e mais Stephanie Hsu traballarán xuntos na adaptación en forma de série de televisión da novela gráfica American Born Chinese orixinal de Gene Luen Yang.

A história vai sobre Jin Wang (Ben Wang), un adolescente compaxinando a súa vida social na escola secundária coa súa vida coma inmigrante na casa. Cando Jin coñeza ao estudante de intercámbio Wei-Chen (Jim Liu) no primeiro día de coléxio, os seus mundos chocarán mentres Jin fica enleado nunha batalla dos deuses mitolóxicos chineses.

Hsu será Shiji Niangniang, a deusa das pedras, que traballa nunha moderna xoiaría canda o seu can máxico. Quan fará de Freddy Wong, un persoaxe fictício dunha popular série dos anos 90. E Yeoh interpretará a Guanyin, unha tía sen pretensións que axuda a Wei-Chen a superar os retos da escola mentres mantén a súa identidade secreta coma a todopoderosa bodhisattva budista da Compaixón.

O responsábel de Shang-Chi and the Legend of the Ten Rings, Destin Daniel Cretton, será o director e produtor executivo da série xunto a Yang, Melvin Mar, Jake Kasdan, Asher Goldstein, Erin O’Malley e Kelvin Yu, quen ademais tamén escribe o guión.