O actor inglés Dan Stevens será o protagonista da próxima entrega da franquía cinematográfica do Monsterverso da Legendary, continuando deste xeito a Godzilla vs. Kong do ano pasado. Adam Wingard, responsábel da primeira película, volverá a sentar na cadeira de director na rodaxe deste verán en Austrália.
Como é habitual, os detalles do argumento mantéñen-se polo de agora en segredo, aparte por suposto de sabermos que os dous monstros, King Kong e Godzilla, volverán a se enfrontar nunha nova batalla. O ano pasado, Godzilla vs. Kong axudou a que o público volvera ás salas de cinema, porque se converteu na segunda película da era Covid en superar a marca dos 100 millóns de dólares nos despachos de billetes nos Estados Unidos, e chegou aos 468 millóns en todo o mundo. A cifra é de abraiar, porque o filme estreou-se ao mesmo tempo na HBO Max.
Para Stevens, esta será a súa primeira oportunidade de protagonizar un filme de grande orzamento e de traballar ao mesmo tempo unha vez mais con Wingard, con quen xa colaborou na longametraxe independente The Guest en 2014. Para os fans do xénero fantástico, a súa face será recoñecida por ser o fillo de Charles Xavier na série Legion da canle FX, e foi visto por última vez no filme de ciéncia-ficción Ich Bin Dein Mensch (Maria Schrader, 2021) no que por certo fala un perfecto alemán.