O futuro de Star Wars, nas mans de Waititi

607

A presidenta de Lucasfilm, Kathleen Kennedy, ven de revelar a folla de ruta das próximas películas de Star Wars nunha entrevista coa revista Vanity Fair. E o primeiro chanzo é a misteriosa película de Taika Waititi.

Os detalles do filme están aínda baixo chave, pero a escritora Krysty Wilson-Cairns (1917, Penny Dreadful), continúa a traballar no guión. Dentro do universo de Star Wars, Waititi dirixiu un episódio de The Mandalorian.

Kennedy tamén comparte que é moi probábel que Rogue Squadron, de Patty Jenkins, sexa a continuación da longametraxe de Waititi. E ao que respecta á anunciada triloxía de Rian Johnson, esta foi adiada por mor da axenda do director, ocupado en Knives Out 2, e porque ademais asinou un acordo de colaboración coa Netflix que o pon polo de agora fóra do alcance da Lucasfilm. Johnson xa dirixiu The Last Jedi en 2017, antes do seu éxito en Knives Out.

A última película de Star Wars polo de agora é The Rise Of Skywalker, de 2019, que rematou a terceira triloxía. Mentres tanto, os estudos canalizaron as súas enerxías cara ás séries da Disney+, que produciu The Mandalorian, The Book Of Boba Fett e Obi-Wan Kenobi.

Porén Kennedy insinúa que o futuro da saga de ciéncia-ficción mais popular da história podería ser un pouco diferente no futuro, e que se cadra se afastarán do vello formato de triloxías: “Eu dubido de usar a palabra triloxía porque Star Wars é moito mais unha história persistente“, dixo. A persisténcia sinifica que non hai apenas espazo entre a combinación de películas e séries na tele, incluíndo as vindeiras Andor de Diego Luna e Ahsoka con Rosario Dawson.

A longametraxe de Waititi, aínda sen título, será só unha pedra mais nunha montaña de traballo que o actor e director novacelandés ven realizando nos últimos tempos. O mais novo é a súa interpretación do infame capitán pirata Barbanegra na série da HBO Our Flag Means Death. E de cara ao futuro, ten pendentes outros proxectos: Flash Gordon, Akira, The Incal ou a série Time Bandits, entre outros. E pendente de estrea Thor: Love And Thunder, con Natalie Portman, Tessa Thompson e Chris Hemsworth, a partir deste verán.