A Hulu quere reiniciar The League of Extraordinary Gentlemen, a franquía de cómics creada por Alan Moore e Kevin O’Neill, e ven de contratar para elo a Justin Haythe, entre cuxos cretos están A Cure For Wellness ou a mais recente Morbius.
Don Murphy, quen produciu a adaptación orixinal do cómic ás pantallas en 2003, regresará á mesma tarefa para esta ocasión, e xunto a el estarán a súa parceira Susan Montford e mais Erwin Stoff, da 3 Arts Entertainment.
O cómic orixinal, que presentaba a un grupo de heroes literários da Inglaterra vitorián, procurando aos seus protagonistas en libros coma Dracula, as obras de Sherlock Holmes ou Vingt mille lieues sous les mers, contaba con Mina Murray, Allan Quatermain, o Capitán Nemo, o Dr. Jekyll ou o Home Invisíbel enfrontándo-se a viláns coma Fu Manchú, o Profesor Moriarty ou os marciáns de The War of the Worlds.
Os primeiros dous volumes publicáron-se baixo o selo da DC Comics a partir de 1999, pero logo pasaron a editoriais independentes cando Moore, responsábel doutras obras mestras coma Watchmen ou V for Vendetta, viu a súa relación coa DC deteriorar-se cada vez mais. O derradeiro volume publicou-se finalmente en 2019.
Cando a série viu a luz por primeira vez, causou sensación grazas ao seu tón de alto concepto, aínda que escuro e cínico de Moore, e mais aos debuxos de O’Neill, que captaron os aspectos mais sórdidos e escabrosos da época. O primeiro volume gañou o prémio Bram Stoker á mellor narrativa ilustrada, mentres que o segundo obtivo o prémio Eisner á mellor série limitada.
O filme de 2003 pola súa banda resultou un fracaso e unha decepción. O guión tomou-se moitas liberdades co material orixinal, engadindo heroes americanos coma Tom Sawyer para atraer ao público dos Estados Unidos, e foi a derradeira vez que se viu ao seu protagonista, Sean Connery, nas pantallas, porque se retirou xusto despois da estrea. A produción tivo ademais unha chea de complicacións, e houbo non poucas rifas entre Connery e mais o director Stephen Norrington. Aínda así, recadou 179 millóns de dólares nos despachos de billetes, o que a puxo en benefícios.
A Twentieth tentou facer novas versións várias veces, incluíndo unha con protagonistas só femininas, e mesmo rodou un episódio piloto para unha série de televisión que nunca chegou a se estrear. Agora, seica Haythe e os produtores queren cinguir-se mais ás fontes orixinais e axustarán-se ao cómic para a nova versión.