Os xemelgos reciben o machadazo

632

Após da recente adquisición da Warners por parte da Discovery, o novo CEO David Zaslav ven de tomar algunhas decisións drásticas respecto a proxectos de lanzamento de películas na compañía. Seica Zaslav quere que a Warner Bros. Pictures aumente o seu catálogo de estreas nas salas de cinema a 20-25 filmes ao ano, contra as 17 do ano pasado.

En consecuéncia, os plans do ex-executivo Jason Kilar de rodar numerosas longametraxes directamente para o servizo da HBO Max serán desbotados, e a maior vítima arestora é a película de acción real Wonder Twins que ían protagonizar KJ Apa e Isabel May, e que foi xa cancelada. Zalav determinou que o orzamento de mais de 75 millóns de dólares é grande de mais e os benefícios non están nada claros, especialmente cando se considera que o filme ía ir directo ao servizo de streaming.

Outros filmes da Warners dentro do universo da DC, coma Blue Beetle, xa anunciaran o seu paso á estrea nos cinemas, polo que non corren perigo. A longametraxe de Batgirl, cuxa rodaxe rematou hai pouco, podería seguir o mesmo camiño, pero polo de agora isto non é oficial.

Os novos plans inclúen en todo caso a produción de mais películas autoconclusivas coma Joker, e unha das prioridades nestes intres é facer algo semellante con Superman.