Nova série de Daredevil na Disney+

168

Fontes internas informan que a Marvel Studios ven de pór en marcha a produción dunha nova série de Daredevil, esta vez para o servizo de streaming da Disney+.

Matt Corman e Chris Ord, co-creadores da série Covert Affairs, serán os guionistas e produtores executivos deste proxecto, o primeiro que revive a Disney despois de ser producido anteriormente pola Netflix en colaboración coa Marvel.

Daredevil demostrou ser un dos programas mais populares da Netflix, na que durou tres tempadas, co actor Charlie Cox interpretando ao avogado cego Matt Murdock, mais coñecido coma o superheroe Daredevil.

O ano pasado xa houbera sinais de que o persoaxe podería regresar cando Cox repetiu o seu papel nun cameo en Spider-Man: No Way Home, mentres que ao mesmo tempo o principal vilán, Kingpin (a quen daba vida Vincent D’Onofrio) aparecía en Hawkeye.

Aínda que o proxecto está xa en marcha, polo de agora non hai ningún anúncio oficial, nin se coñece o elenco de actores nin data de estrea. Tampouco está claro se isto será un relanzamento da série dende o seu comezo ou se será unha continuación das tres tempadas xa producidas. O outro grande mistério será o tón que lle dea a Disney, porque na Netflix contiña violéncia, sexo e un argumento bastante escuro.