Alex Proyas fai terror

613

O realizador australián Alex Proyas volverá a se pór atrás da cámara coa súa primeira longametraxe dende 2016 no thriller de terror Sister Darkness.

Descrito coma un macabro soño febril de vinganza e terror gótico impulsado por mulleres, cun grande potencial de se converter en franquía, Sister Darkness ten lugar na Inglaterra dos anos 30, nunha época na que as mulleres eran marxinadas e explotadas. A protagonista é a recente casada pero infeliz Alice, quen atopa ao seu dobre, Isla, cuxa existéncia é un mistério que se mergulla nunha história de vinganza sanguenta contra os seus asoballadores, a infernal paisaxe nocturna sobrenatural e un temíbel levantamento contra a enganosa aristocrácia.

Proyas escribe e dirixe a película, que se inspira no cinema de terror inglés dos anos 60 e 70, cunha profunda reveréncia a filmes lendários coma The Innocents (1961) e The Legend of Hell House (1973). A película rodará-se en Austrália a finais deste ano, utilizando un proceso de produción único e totalmente virtual especialmente desenvolvido e perfeccionado polos estudos de VFX do mesmo Proyas, a Heretic Foundation, que coproducen o proxecto xunto á 108 Media.

Estamos entusiasmados de nos embarcar coa 108 Media no que coidamos sinceramente que será o primeiro chanzo nunha longa e frutuosa viaxe xuntos“, dixo un afervoado Proyas. “Sister Darkness marcará un fito no uso da produción virtual a esta escala e a talentosa equipa de Heretic permitirá-nos establecer valores de produción a niveis moito mais altos neste rango de orzamento do que nunca antes se coidara que se podía acadar. Este é o futuro do cinema“.

Proyas, de orixe grega e exípcia, debutou no cinema coa longametraxe indie de ciéncia-ficción de 1988 Spirits of the Air, Gremlins of the Clouds, á que seguiu The Crow en 1994. En 1998 rodou o clásico de culto Dark City, o que lle abriu as portas do cinema de grande orzamento en Hollywood, facendo I, Robot (2004) con Will Smith e Knowing (2009) con Nicolas Cage. A súa última película, Gods of Egypt, foi nombergantes un desastre comercial e de crítica, coa que perdeu ao redor de 90 millóns de dólares.