O cineasta responsábel da saga de Paranormal Activity, Christopher Landon, escribirá o guión e dirixirá para a Amblin Partners un remake da longametraxe de monstros Aracnophobia, que fixera Frank Marshall en 1990.
O filme orixinal, unha mestura de comédia e terror, ía sobre unha pequena vila dos Estados Unidos á que chegaba unha colónia de xigantescas arañas letais, traídas por accidente dende un remoto lugar de Suramérica. Jeff Daniels protagonizou a longametraxe no papel dun médico que se mudaba á devandita vila xunto coa súa família para tentar vivir unha vida repousada, até que as arañas deciden situar a súa colónia xusto na súa casa. John Goodman, Julian Sands e Harley Jane Kozak completaban o elenco.
Landon ten xa ampla experiéncia no eido das comédias de terror e conta entre os seus cretos con filmes semellantes, coma Happy Death Day e Freaky. Para este remake, James Wan e Michael Clear serán os produtores, mentres que Marshall será o produtor executivo.