Keaton, confirmado para Batgirl

584

Aínda que se levaba falando diso había xa moito, os produtores da vindeira longametraxe Batgirl veñen de confirmar por fin que Michael Keaton regresará ao seu papel de Bruce Wayne/Batman neste filme.

Nunha entrevista, os directores Adil El Arbi e Bilall Fallah discutiron sobre o elenco de actores, e Fallah confirmou-no: “O Batman orixinal está no filme“. Keaton repetirá o papel tanto en Batgirl coma en The Flash, aínda que esta segunda película non se verá nas pantallas até polo menos mediados de 2023.

A pregunta é polo tanto se Batgirl se estreará antes, dado que a rodaxe de ambas longametraxes está xa rematada e os filmes atópan-se na fase de post-produción. A estrea de The Flash adiou-se xa várias veces por mor de complicacións externas, mentres que Batgirl continúa a agardar pola súa oportunidade, sen data fixada polo momento.

En todo caso, a Warners afirmou que non ten plans de retomar a rodaxe de The Flash ou de estrea-la directamente na HBO Max, mália os coñecidos problemas co seu protagonista.

Mentres tanto, outro traballo de El Arbi e Fallah chegará moito antes ás nosas pantallas, porque a série Ms. Marvel, da que dirixiron vários episódios, estará na Disney+ a partir deste mércores 8.