Un dos poucos proxectos que o novo CEO da Warners, David Zaslav, aínda segue a ver con bós ollos é o da secuela de Joker. Dado que a primeira parte custou só 55 millóns de dólares e recadou máis de 1.000 millóns de volta e mais un par de Oscars, entre eles o de mellor actor, semella unha aposta segura.
Deste xeito, os antigos xefes da MGM Michael De Luca e Pamela Abdy, que agora se encargan dos filmes relacionados co universo da DC Comics, mantiveron hai uns días unha xuntanza con Todd Phillips, o director da primeira parte, para tentaren atopar unha aproximación o mais creativa posíbel sen que se dispare o orzamento.
Phillips publicou hai unhas horas unha entrada no seu Instagram co que semella ser a capa do guión da segunda parte do filme, que levaría por título Joker: Folie a Deux. E no mesmo post, o realizador engadiu unha foto do protagonista Joaquin Phoenix lendo o guión. De todos os xeitos, aínda non hai confirmación oficial de luz verde para esta secuela.
A primeira parte presentaba ao emblemático falcatruán inimigo de Batman convertido nun cómico con problemas mentais que tentaba ser o heroe de Gotham mentres se descargaba en arroutadas violentas e remataba por se converter nun criminoso. Aínda que esta versión do Joker non amosaba ren especificamente fantástico, Bruce Wayne aparece ao final, o que deixa a porta aberta a ver a agardada confrontación.