Os Thunderbolts, o novo proxecto da Marvel

742

O grupo de ex-superfalcatruáns e antiheroes da Marvel Thunderbolts terá un filme de seu. A Marvel Studios, que mantiña o proxecto en segredo até agora, seica está a lle meter presa á produción, e de feito ven de contratar a Jake Schreier coma director da nova película. O responsábel de Black Widow, Eric Pearson, encargará-se de escribir o guión, e coma sempre, Kevin Feige, presidente da Marvel Studios, será o produtor.

Polo momento non se sabe moito sobre o argumento do filme, aparte por suposto de que os Thunderbolts son un grupo de superviláns que son enviados a misións secretas por encargo do governo. Outro elemento que aínda está sen decidir é que persoaxes formarán parte do mesmo, xa que o filme está tecnicamente aínda en desenvolvemento, se ben os rumores apuntan que a Marvel xa contactou con algúns membros do seu actual universo cinemático para se asegurar que terán un espazo nas súas axendas e poderán estar listos o vindeiro verán, cando comece a rodaxe.

O grupo foi creado en 1997 por Kurt Busiek e Mark Bagley, nun intre no que os Vingadores non estaban dispoñíbeis, e entre os persoaxes que forman parte do mesmo nos cómics están o Barón Zemo, Yelena Belova (a nova Black Widow), Ghost, Taskmaster, Abomination, US Agent ou o Winter Soldier. O grupo está ao princípio ás ordes do xeneral Thaddeus “Thunderbolt” Ross, pero a súa aparición só é unha posibilidade sen confirmar. Ademais, William Hurt, o actor que lle daba vida, finou hai uns meses, e nestes intres non hai ningún substituto.

Schreier, que comezou a súa carreira dirixindo vídeos musicais, irrompeu en 2013 coa comédia de ciéncia-ficción Robot & Frank, pero dende aquela non regresou ao xénero fantástico, limitándo-se a episódios soltos de séries de televisión. A súa elección para este proxecto, que contará cun grande orzamento, pode considerar-se unha sorpresa.