Lady Gaga no Joker 2

637

A estrela do pop Lady Gaga está a negociar a posibilidade de protagonizar xunto a Joaquin Phoenix o filme secuela de Joker, que dirixiu Todd Phillips en 2019 para a Warner Bros. Pictures. Se o acordo prosperar, Lady Gaga interpretaría a Harley Quinn, pero nunha versión moi distinta da que fai habitualmente Margot Robbie, porque este filme sería un musical.

A primeira entrega tiña un tón moi diferente ao dun musical: era un filme escuro e sombrío, claramente pesimista, cun protagonista mentalmente desequilibrado que se converte nun asasino nihilista. A estas alturas tampouco está claro se Phillips utilizaría a outros persoaxes da DC Comics neste proxecto.

Phillips leva xa algún tempo co-escribindo o guión xunto a Scott Silver e seica xa lle presentaron unha primeira versión aos estudos. Arestora as negociacións están a decidir se Phoenix regresa ao seu papel do Joker, co que gañou o Oscar ao mellor actor.

En todo caso, Phillips non é un novato no que respecta ao xénero musical, porque xa producira o remake de A Star Is Born en 2018, que precisamente protagonizou Lady Gaga.