A HBO Max crea un Batman mexicano

890

A HBO Max de Latinoamérica ven de anunciar a produción de Batman Azteca: Choque de Imperios, unha nova longametraxe de debuxos animados que suporá unha nova volta de rosca ao redor do persoaxe do Cabaleiro Escuro.

O filme, que será rodado en español, pon ao emblemático superheroe da DC no escenário do México azteca precolonial e suporá a primeira colaboración entre a Warner Bros. Animation, a Particular Crowd, a Anima e mais a Chatrone.

A história céntra-se nun rapaz, Yohualli Coatl, cuxo pai Toltecatzin é o líder da vila e é asasinado polos conquistadores españois. Coatl fuxe a Tenochtitlán para advertir ao rei Moctezuma e mais ao seu sumo sacerdote Yoka do perigo inminente.

Usando o templo do deus morcego, Tzinacan, coma gorida, Yohualli adestra xunto ao seu mentor e axudante Acatzin, desenvolvendo equipamento e armas para se enfrontar aos invasores, protexer o templo de Moctezuma e vingar a morte do seu pai.

O proxecto, que será integramente producido en México, contará ademais co experto en estudos mesoamericanos Alejandro Díaz Barriga, quen traballará xunto á equipa creativa para tentar facer o mais realista posíbel as representacións do indíxenas, dun xeito apropiado e relevante.

O animador mexicano Juan Meza-León, quen conta con experiéncia en Harley Quinn ou Rick and Morty, será o director do filme, que producirán José C. García de Letona, Fernando de Fuentes, Aaron D. Berger e Carina Schulze.