Pinochet, o vampiro

876

O director chileno Pablo Larraín (Lisey’s Story) formará equipa coa Netflix para realizar unha comédia histórica que levará por título El Conde.

A história xira ao redor do sanguento ditador Augusto Pinochet, que non está morto, senón que é un vampiro envellecido quen, tras 250 anos neste mundo, decidiu morrer dunha vez por todas a causa dos alifafes provocados pola súa deshonra e polos seus conflitos familiares, segundo anunciou a Netflix.

Larraín compartirá cretos coma guionista co dramaturgo Guillermo Calderón, con quen xa traballou en Neruda e El Club. O irmán de Pablo, Juan de Dios Larraín, será o produtor a través da súa empresa produtora Fábula.

Jaime Vadell, Gloria Munchmeyer, Alfredo Castro e Paula Luschinger serán os protagonistas do filme, que se estreará en exclusiva na Netflix ao longo de 2023.

Larraín, un dos realizadores mais salientábeis do actual cinema latinoamericano, pasou de películas de arte e ensaio gañadoras de festivais, coma Tony Manero, a películas cun maior atractivo para o público, coma a gañadora da Quincena de Realizadores de Cannes de 2012, No, protagonizada por Gael García Bernal, e logo a títulos en inglés, coma Jackie ou Spencer, recente nominada aos Oscars. Deixando aparte a minisérie de televisión Lisey’s Story, baseada nunha novela de Stephen King, El Conde será a súa primeira incursión no xénero fantástico.