Nova desfeita da Axéncia Audiovisual Galega

0
226

Fantasporto 2009Tal e coma anunciara hai moitos meses NOVA FANTASIA, a 29ª edición do Festival de Cinema Fantástico de Porto, o Fantasporto, que decorrerá entre o 20 e o  28 de febreiro, contará cunha ampla representación de cinema galego, para o cal a Axéncia Audiovisual Galega intentou facer unha escolma do máis representativo e variado do cinema galego do curso 2007-2008. Unha selección na que din que “primou a actualidade e os diferentes modelos de produción, estilos e tendéncias que se están a desenvolver no audiovisual galego“, segundo o comunicado oficial desta axéncia controlada pola Consellería de Cultura.

Lamentábelmente, nunha decisión que nos lembra moito ao tradicional desprezo do mundo da cultura polo fantástico, os filmes seleccionados incomprensíbelmente non teñen ren que ver co xénero que se dá cita en Porto, e así teremos como representación galega a Pradolongo, de Ignacio Vilar, Rafael, do coruñés Xavier Bermúdez, Eloxio da distancia, de Felipe Vega, A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza, e Pedro e o Capitán, de Pablo Iglesias.

O único filme galego nidiamente fantástico que irá a este festival internacional de cinema fantástico será O espírito do Bosque, de David Rubín e Juan Carlos Pena, unha película de debuxos animados que foi un grande éxito en todo o mundo.