A inglesa Gemma Chan (Sersi en Eternals) protagonizará The Moon Represents My Heart, unha nova série limitada de ciéncia-ficción producida pola 21 Laps, a mesma compañía responsábel de Stranger Things na Netflix.
Polo de agora non se sabe moito do argumento, agás que xira ao redor dunha família anglochinesa que posúe o segredo de viaxar polo tempo. Despois de que os pais desaparezan, o fillo e mais a filla sairán á súa busca polo tempo, e todo mentres medran e se converten en adultos.
O proxecto está baseado na novela de debut da escritora tailandesa Pim Wangtechawat, que aparecerá a vindeira primavera nos andéis das librarías. Chan, Shawn Levy e Josh Barry serán os produtores executivos.